Saturday 27 de April de 2024

O Concello de Boqueixón abre ata o 20 a inscrición nas escolas culturais e deportivas


Programa tamén o servizo de conciliación ‘Madrugadores’

O Concello de Boqueixón mantén aberto ata o 20 de setembro o prazo de inscrición das súas escolas culturais e deportivas. A oferta do novo curso 2019-2020 está integrada por inglés para estudantes e para persoas adultas, patinaxe e judo, así como a ocioteca.

As inscricións deberán formalizarse no Departamento de Cultura (cultura@boqueixon.com) ou no de Deportes para as actividades de judo e patinaxe (deportes@boqueixon.com). As fichas de inscrición pódense descargar na páxina web municipal (www.boqueixon.com).

Requírese un grupo mínimo de participantes para iniciar cada unha das actividades, que teñen un número de prazas limitadas. Outórgase preferencia de admisión ás persoas empadroadas no municipio e ao alumnado de centros educativos de Boqueixón. As actividades desenvolveranse desde outubro de 2019 ata maio de 2020, a non ser a ocioteca e as clases de inglés, que chegarán ata o remate do curso escolar.

O custo das escolas culturais e deportivas varía desde os 10 euros mensuais da patinaxe ou a ocioteca ata os 25 euros ao mes das clases de inglés. O Concello contempla diversos descontos para familias, que son do 25% no caso de dous irmáns, do 50% cando sexan tres e a gratuidade a partir do cuarto fillo e sucesivos na mesma actividade.

Outro posible desconto é o que se aplica ás persoas que se matriculan en máis dunha actividade. A segunda ten un desconto do 25%, a terceira do 50% e a partir da cuarta a participación é de balde. Enténdese como primeira actividade a de maior importe.

Servizo de Madrugadores
O programa ‘Madrugadores’, de conciliación da vida laboral e familiar, está dirixido a escolares de Educación Infantil e Primaria. As sesións desenvolveranse nas instalacións do CPIP Antonio Orza Couto durante o curso escolar. Comeza ás 8:00 horas e chega ata o inicio das clases.

O custo de ‘Madrugadores’ é de 30 euros ao mes ou de tres euros por cada día solto. O Concello establece posibles descontos por máis dun irmán na mesma actividade. O almorzo corre por conta das familias, que o poderán levar preparado para que o sirva o persoal de monitoraxe do programa.

Para anotarse neste servizo é preciso cubrir unha solicitude específica. Esta ficha está dispoñible tamén na páxina web municipal (www.boqueixon.com).